jueves, 2 de julio de 2015

DOCE E ESCURA SOMBRA




“Doce e escura sombra é esa que acolle cando o sol queima os pensamentos…”

Escribín isto un día de baleiro infinito, cando me din conta de que o último elo da cadea comezaba a romper, precisamente, polo lado máis forte. Non sei se foi porque naquel momento sentía inmensa soedade, ou porque ela mesma, que existía desde sempre en min, se desatou de repente ao fender o único caxato que soportaba o meu peso.

Sei que aínda non é momento de mirar atrás. Sei que aínda non é momento de lembrar as zinnias nin as roseiras. Sei que mentres escoite os berros afogados da mañá que loita por se abrir paso entre as delirantes suores da noite, non é tempo de bágoas nin retratos marelecidos. Sei…

Pero hoxe, non por desesperanza ou desesperación, senón pola crúa e limpa verdade que tocan as miñas mans, escoitan os meus oídos e ven os meus ollos, hoxe precisaba, máis que nada, desa doce e escura sombra…