“Doce e escura sombra é esa
que acolle cando o sol queima os pensamentos…”
Escribín isto un día de
baleiro infinito, cando me din conta de que o último elo da cadea comezaba a
romper, precisamente, polo lado máis forte. Non sei se foi porque naquel momento
sentía inmensa soedade, ou porque ela mesma, que existía desde sempre en min,
se desatou de repente ao fender o único caxato que soportaba o meu peso.
Sei que aínda non é momento de
mirar atrás. Sei que aínda non é momento de lembrar as zinnias nin as roseiras.
Sei que mentres escoite os berros afogados da mañá que loita por se abrir paso
entre as delirantes suores da noite, non é tempo de bágoas nin retratos
marelecidos. Sei…
Pero hoxe, non por
desesperanza ou desesperación, senón pola crúa e limpa verdade que tocan as
miñas mans, escoitan os meus oídos e ven os meus ollos, hoxe precisaba, máis
que nada, desa doce e escura sombra…