jueves, 25 de diciembre de 2014

LUCÍA

Falsas palabras
 Esmeralda

Tan sequera sei por que collín o teléfono. Nunca o fago cando non sei de quen é o número que aparece na pantalla. Sorprendeume a voz ao outro lado. “Ola! Canto tempo sen saber de ti!”

Lucía sempre fora así, hoxe estou, mañá xa veremos. Os meus miolos preguntábanse como era posible que dera co meu número, pero ata me alegrei un pouco de escoitala de novo, aínda que sabía que se me buscara era porque lle cumpría algo. Lucía era desas persoas que botan palabras a esgalla, desas que cunha man dan e con outra sacan. Nunca perdía detalle de canto escoitaba e tiña unha capacidade abraiante para levar as conversas ao seu terreo, iso si, sen perder o sorriso.

O día non estaba para cafés de terraza, pero alá marchei. Non cambiara nadiña, agás aquel pelo que eu lembraba castaño e que agora tiraba máis a vermello que a outra cousa. Empezou a falar, a preguntar, a sorrir e a mover as mans coma se quixese arredar de si ata o aire. Con esa xente eu adoito ser de “Si. Non. Todo ben, sen novidades”. E chegou a cuestión, o motivo do encontro. “Poderíasme botar a man con isto? O problema que teño é moi grave e sei que ti coñeces xente que...”

“Habería que velo...”

Non lle debeu gustar a cara que puxen porque, de repente, mirou o reloxo e púxose en pé. Sen perder o sorriso e sen deixar de falar, envolveuse no abrigo e acabou por desexarme unhas boas vacacións.

Quedei coas ganas de contarlle por que non me gustaba a calor asfixiante do verán, que a chuvia tamén é detestable, que as brétemas traen malos agoiros e que un mundo sen luces é un inferno, pero foi tan breve o encontro e tantas as palabras que saían despavoridas da súa boca que, sen saber a razón, quedei sen fala.

Tanto ten. Paguei os cafés, abrochei a chaqueta e saín á rúa.

viernes, 19 de diciembre de 2014

"FLORIPONDIOS"

Hai uns anos, creo que catro (que merda de memoria!), casou unha moza ben guapa. A voda era de moito "postín". Os mozos con chaqué (non todos). As mozas con traxe por enriba do xeonllo, pero non moito, e con tocado ou pamela. Protocolos.

O caso é que me invitaron a participar da festa e como teño especial benquerencia pola moza e pola súa familia, alá marchei, con vestido por enriba do xeonllo, pero non moito, e con tocado no pelo. Un recollido sen recoller, cheo de pinzas e lacas, e o "floripondio". O "floripondio". Alguén me dixo cando saía da casa "daquesta guisa", que non era eu, que máis ben parecía un agasallo ca unha muller adulta con firmes principios sobre a liberdade de imaxe, pois a lazada do vestido e o "floripondio" non me pegaban nada. Pero alá fun.

 Foto: Xulio Pazo
Foi un día bonito, cheo de emocións. Ata me romperon as medias invisibles esas e quedaron non lixo. Pero foi un bo día... A pesar do tocado, das sandalias, das medias, do vestido e do puto lazo. Foi un bo día!

Agora miro atrás, como fago tan a miúdo e penso... Mereceu a pena o esforzo de gastar tantos euros non disfrace?

Son virgo por nacemento dentro do calendario occidental e rata polo calendario chinés. Non creo nestas cousas, pero leo. Ás veces. Ás veces leo moitas cousas. E vexo moitas máis. E abofé que penso en tanto desperdicio...

O Nadal, para min, é algo así, coma un "floripondio" que nos colocamos cando non queremos ver a realidade, coma cando os vidros nos nosos lentes se enturbian co bafo do aire ou coas pegadas dos nosos dedos e os limpamos cun pano para ter a certeza de que son os vidros os que non nos deixan ver a realidade.

Bo descanso a quen poida gozar del. Bo traballo a quen o teña. Iso é máis difícil. Por desgraza...