jueves, 31 de julio de 2014

ZUNIDOS

Acariciando la luz


 
Non sei se a vida anda ou se detén. Ás veces penso que corre de máis, deixando tras dela as pegadas do seu paso e unha nube de po preñada de zunidos. Outras veces teño a impresión de que se detén para obsevar como florecen as roseiras, como a Mística asexa a un rato de campo, salta sobre el e lle bota o dente, ou como as xoaniñas devoran os piollos e pulgóns das berzas...

Onte, á hora do solpor, coma outros días dos efémeros veráns que pasan ás carreiras a partir dos 50, sentei na cadeira branca do patio. Alí, mirando a nada, naquel rumoroso silencio, viñéronme á cabeza sons que estaban agochados desde hai tempo. E foi nese momento no que me din conta que era necesario chamalos de novo, de que, de vez en cando, é bo mergullarse nesa nube do po, preñada de zunidos, que a vida vai deixando tras de si...