sábado, 3 de mayo de 2014

TORTILLA DE PATATAS

Glasgow. Escocia.
Necrópolis.

Onte fun ao funeral polo pasamento do padriño dunha persoa moi achegada a min. Cando estaban selando a sepultura con cemento, eu miraba as caras da familia. Unhas ían de loito riguroso, sinxelas na súa dor. Outras ían de medio loito, moi ben vestidas e adornadas para a ocasión, coma se quixesen ser o centro das miradas. Había dúas persoas da familia do finado que rezumaban bágoas por todos os poros, pero que tiñan os ollos secos, a cabeza erguida e a vida compartida nos profundos plegues da pel…
Pero quen máis me chamou a atención foi unha muller maior, quizais duns 85 anos, que estaba diante de min. Debía ser amiga da familia ou tal vez veciña da aldea. Non o sei. O caso é que non perdeu detalle das manobras dos traballadores da funeraria e, cando remataron o seu labor, volveuse cara a min e díxome:

-  Moza, de aquí xa non hai para onde ir. Aquí remata todo. E para iso enchemos as casas de cousas. Para rematar aquí…

Hoxe espertei moi cedo. Quizais serían as 6 da madrugada. Con dor de pescozo, pois non sei que postura pillei, que mo deixou estragado. E viñéronme á cabeza as palabras daquela muller miúda de pelo branco…
E empecei a matinar nas moitas cousas que hai espalladas pola miña casa, perfectamente ordenadas e clasificadas dentro do meu desorden. E din en pensar que, tal vez mañá, ou pasado, ou calquera día, alguén me han de levar para un nicho, pois eu soa no darei ido (a morte é así de sutil, non nos deixa mover), e tras de min quedarán as labores de agulla inacabadas, os apuntes de estudos incompletos, os centos de libros lidos e non lidos, as roupas colgadas nos armarios, os zapatos en desuso metidos en caixas, as cabichas dos cigarros nos cinseiros, as partituras de cancións que ninguén lembrará como se len, o aneis de prata e os abalorios de ouro (estes máis escasos)…

E pregunteime: “Para que tanto?” E respondinme: “Hoxe vou empezar a facer limpeza”.
Claro que.... A limpeza dá traballo e eu son moi preguiceira.

En fin. Erguinme ás sete e media da mañá, logo de levar dúas cavilando. Preparei o meu cafeciño, púxenme a preparar o día e con isto chegou o mediodía. E chegada aquí, decidín facer unha tortilla de patacas para o xantar.

Xa haberá alguén, mañá, ou cando sexa, que reorganice todo. Vou pelar patatas…