miércoles, 31 de agosto de 2011

ESCOCIA IV


Escocia é un país de castelos. Para visitalos con calma, a mellor recomendación é alugar un coche por dous ou tres días e adquirir un pase especial, ou levar o peto preparado, pois hai que pagar para entrar neles. Aínda que non se entre, merece a pena achegarse, pois están ubicados en lugares nos que a fermosura da paisaxe xa é una obra de arte en si mesma.

Stirling é un deles. O seu entorno  conserva ese sabor medieval dunha cidade construída entorno ao seu Castelo. As súas rúas son estreitas e mirando as fachadas das casas podémonos transportar a épocas pasadas nas que as loitas pola posesión do territorio eran o pan de cada día.
No cume dunha colina está ubicado o Castelo. É un recinto fortificado de fácil defensa e desde o que se pode contemplar una fermosa panorámica da cidade e do monumento a William Wallace. Merece a pena visitalo con calma e con guía, tanto a cidade coma o Castelo para facerse una idea da historia de Escocia, dos costumes e da súa historia da arte.

viernes, 19 de agosto de 2011

ESCOCIA - III






A Roda de Falkirk é unha obra de enxeñería civil que se construíu para conectar Glasgow con Edimburgo e ven sendo un inmenso carrusel acuático, único no mundo. En 15 minutos consigue que embarcacións de 20 metros de eslora e 4 de manga salven un desnivel de 34,5 metros, aforrando 11 comportas e exclusas coma as do Canal de Panamá.

Como obra é moi enxeñosa e merece a pena vela funcionar, pero en certo sentido é un pouco inútil, xa que na actualidade soamente está destinada ao turismo. Iso si, o enclave é marabilloso, sobre todo nunha mañá de sol coma esta da fotografía.
Unha recomendación, se vos achegades por alí, aínda que sexa no verán, non esquezades a chaqueta...

martes, 9 de agosto de 2011

QUE FACEMOS COAS CRIANZAS?



No UK, a cadea alimenticia por excelencia é TESCO. Neste supermercado pódese atopar de todo. Ata pementos de Padrón, por un alto prezo, por suposto.
Acabo de ler unha nova en  La Voz de Galicia respecto dos disturbios en Londres.
Todo ten o seu antes e o seu despois, pero chámame a atención que se diga que a xente sae de TESCO cos carros ateigados de pantallas de plasma, equipos de son e móbiles. Son cousas dos tempos que corren. Twiter, Facebook… Cousas que se moven a máis velocidade do que o meu entendemento alcanza. De outros locais saen con artigos de xoiaría ou de roupa… A xente que se move polas rúas despois das 20:30 da noite (hora local) é xente que non pasa dos 20 anos. É xente que sabe traballar con móbiles de última xeración e que se comunica a través dun teclado.
Eses disturbios teñen, coma todo, un antes e un despois. Supoño e confío niso. Do contrario, a miña andaina polo mundo tería moi pouco sentido e para iso, mellor morrer mañá.
Lembro que na nosa escala no aeroporto de Stansted (Londres), hai apenas unha semana e vía Preswick (Glasgow), precisei de ir aos servizos. Pegado á porta había un policía novo, branco de pel e co pelo louro rapado, que portaba nas mans un fusil e do seu cinto pendían dous pares de esposas, unha porra normal, unha extensible e unha pistola. El levaba chaleco antibalas e bisera. O seu rostro era un deses que falan por si sos: “Se te moves, mátote”. Miroume coma se fose unha delincuente estranxeira de 50 anos, sen maleta nin documentación. Baixei a cabeza humildemente e polo rabiño do ollo vin que deixou de mirarme e deixoume andar.
Pregúntome, polo tanto, onde está o fallo do sistema. Se, por unha parte, se pode saír dun local, logo de roubar impunemente sen que ninguén deteña nada, e por outra se amosa unha imaxe ameazante das forzas do orden público, onde está o equilibrio?
Estas cousas sobrepásanme, quizais porque o meu refuxio é tan pequeno que nel apenas caben catro correolas no eido das patacas e o doce asubío dos paxaros ao espertar de mañanciña. Quizais porque o meu mundo se reduce a ler novidades dos xornais sen entrar demasiado nelas. Quizais porque me vou facendo maior…
Estas cousas vanme grandes e temo polas xeracións vindeiras. Desde que son docente sempre me fixen a mesma pregunta: “Que facemos coas nosas crianzas?”

Vai pasar aquí o mesmo?

miércoles, 3 de agosto de 2011

ESCOCIA - II - NECRÓPOLE



Glasgow é un punto e aparte. Modernidade mesturada co "victorianismo" máis puro, restaurado e reconvertido en locais que o mesmo albergan sedes de grandes empresas, coma bares, pubs ou restaurantes de comida foránea.
A Necrópole é tamén algo aparte. Logo dunha longa ascensión, bordeada de lápidas que lembran outros tempos e outras xentes, pódese ver unha fermosa panorámica do val do río Clyde e outras paraxes das que non sei o nome. É coma un monumento á historia de Glasgow.
O que me amolou desta fermosa necrópole no foi o cheiro a morte, senón os bafos dunha fábrica construída xusto aos pés de tan emblemático recinto.