miércoles, 29 de junio de 2011

ARRIMANDO O OMBREIRO




Hai moitas cousas que me encabuxan. Seica son de xenio vivo, aínda que eu non opino o mesmo. Pero as que teñen que ver coa docencia supéranme. E explícome, non vaia ser que se pense que as e os docentes estamos sentadas/os na cadeira sen dar pau á auga.
Hai catro anos, logo de moitos de loita e renuncias, de desprestixios e insultos ao noso traballo, de perda de poder adquisitivo con varias conxelacións de salario, mentres se disparaba o IPC, en Galiza conseguírase unha mellora nas condicións de traballo, referentes ao horario laboral (que non de salario). O corpo de persoal docente non pedía máis: unhas condicións de traballo dignas. Porque o horario laboral do profesorado, lonxe do que se pensa, non se circunscribe ao de presenza no centro, senón que vai máis alá, ocupando mesmo as tardes de sábado e domingo, no domicilio. E desde o domicilio, quen se pode permitir ter unha conexión de rede, que non sucede en todos os casos.
Hai un ano xusto agora se nos anunciou un recorte no noso salario. E calamos polo ben común da “patria”, pois a pouco que mirásemos ao noso carón, viamos persoas que, pola crise económica brutal que sofre o estado, debida entre outras moitas cousas a unha mala xestión dos fondos públicos, estaba peor ca nós. Calamos. Non houbo mobilizacións, non houbo máis ca protestas que non levaron a ningunha parte. Ou si: a un recorte aínda maior nas pagas extraordinarias. E tamén calamos.
Pero aínda faltaba o encaixe que rematase a peza. Despois de diminuír os salarios e  as posibilidades de acceso á función pública docente, tanto no corpo de ensinantes de Primaria coma no de Secundaria, a xefatura da nosa empresa vai e recorta eses dereitos adquiridos (logo de 30 anos de loita, en 2007), anunciando que se nos vai incrementar o horario de permanencia nos centros de traballo. Igual ca hai 25 anos. Fannos andar para atrás.
Isto trae como consecuencia que un bo número de profesorado interino e substituto vai quedar na rúa; que outro bo número vai ter que trasladarse de centro obrigatoriamente por falta de horario; que outro en expectativa de destino vai ter que seguir vagando de forma provisoria, ano tras ano, de centro en centro, sen saber moi ben onde vai acabar cos seus ósos; que cada vez vai ser máis difícil acceder ao ensino público. Mellora isto a calidade do ensino? A Administración Educativa que nos goberna di que si e vende nos xornais e noticiarios de televisión e radio que esta medida vai favorecer a mellora e calidade do ensino público, pois así o profesorado vai ter máis tempo para apoios á diversidade, o que vai tamén contra a inclusión nos cadros de profesorado de mestres e mestras especialistas en PT e AL, que son quen realmente están preparados e preparadas. Xa. Mentres amplía os concertos educativos a centros privados. Non hai cartos para manter un ensino público e de calidade, mantendo os rateos de alumnado, non hai cartos e hai que recortar salario. Non hai cartos e hai que reducir os cadros de persoal e unificar centros de FP e IES. Pero hainos para concertar centros privados.
Pregunto onde está a defensa do Ensino Público galego e de calidade que tanto predican. Porque se vai considerar, segundo di o borrador do decreto deste cambio de horario, que agora vai haber que dedicar parte do horario de docencia a vixiar o transporte escolar e apoiar ao alumnado con Necesidades Educativas Especias. Que sei eu de autismo, parálise cerebral, ou similares? Iso non verte na mellora, pois na Universidade non se nos faculta para vixiar ou apoiar de forma eficaz e eficiente casos así. Para nada. Como tampouco verte na mellora a reconversión de IES.
E que non se engane a sociedade, pois detrás de todo isto hai un ERE encuberto que a propia Administración se encarga de tapar, enganando a opinión pública.
Supoño que nos tempos que corren todo o mundo ten que arrimar o ombreiro, pero fáiseme que a clase política que nos representa é a que debe dar exemplo, recortando os seus impresentables gastos de representación. Se queren que o país vaia adiante, por que non ocupan o seu tempo libre a traballar de balde para sacar o país adiante, sen recortar por todas partes os dereitos sociais? Porque creo que o soldo que cobran por dedicación exclusiva póñeno eles e elas.
Pero sempre é máis doado baixar o pau no lombo das persoas máis débiles, así que logo de seguir pagando con diñeiro público a centros privados, logo de recortarnos o salario, o mellor é aumentar as nosas horas de traballo. Por moitas horas que pase no centro, o traballo para a docencia na miña casa non mo saca ninguén de enriba. Nin a min nin a ningún traballador ou traballadora do ensino público.
E isto encabúxame. Moito. Non teño moitos anos de servizo na docencia. Apenas 28, pero a verdade, pasar tantos anos reivindicando melloras, conseguilas e agora que mas saquen, sácame das casiñas. Non podo evitalo.
Seguirei manifestándome. Abofé que si. E ata non sei se me sume á marea de indignación contra esta clase política que fai fortuna a costa de recortes no benestar social a favor do privado. Non creo que perda moito. E se o perdo, malo será que non o recupere algún día! E se non o recupero, tanto ten. No cadaleito soamente ha de ir o meu corpo. O resto vai quedar aquí.

martes, 28 de junio de 2011

PASOS...

Traba 

Xulio López 

Acabo de chegar de mercar un par de cousas no supermercado. As rúas de Ourense estaban cheas de xente, logo de dous días de calor asfixiante e de rúas baleiras.
O ceo está algo nubrado. Corre unha airexa suave e fresquiña que me trae á memoria aqueles tempos nos que paseaba horas e horas polas rúas e praias de Porto do Son e Noia, en días anubrados, mentres os meus nenos xogaban coa area, preto da auga, ou pedían sen descanso un cómic de Songoku, unha gominola, percebes ou un xeado (son de bo dente). E ata unha táboa, pinceis e óleos para embarullar imaxes.
Agora son grandes. Xogan noutras praias, constrúen castelos con outras areas e pintan os cadros da súa vida con outros óleos e acuarelas.
Pero a airexa fresca desta tarde lembroume que a base do futuro está no pasado. O presente é un paso efémero. Soamente hai que afirmar ben o pé agora para que non se perda nada do de antes e para que o despois sexa minimamente seguro.
Seguirei pintando con eles. Mentres me dean as forzas.

domingo, 19 de junio de 2011

XXI – ENTRE LOS DEDOS


Entre mis brumas he intentado retener
la débil sombra de un infantil anhelo,
la sonrisa limpia, el gesto alegre,
la cartera a cuadros… El fugaz momento
que tarda la cámara en inmortalizar
una imagen que se pierde en el tiempo.

Todavía, grabada en mi memoria,
permanece la luz que el desconcierto
colocó en mi rostro aquella cámara
cuando una tarde, casi sin aliento,
bajé las escaleras de dos en dos,
gritando “¡Voy a la escuela, pronto vuelvo!”

¡Quién me iba a decir que, sin paraguas,
vagaría hoy, de invierno en invierno,
llevando mil tesoros heredados
escondidos entre los dedos!

viernes, 10 de junio de 2011

DESDEBUXOS NA AREA


Hai algúns anos coñecín a dúas mozas, irmás se mal non lembro. A máis vella era a perfecta concepción da seriedade, adobada sempre cun gran sorriso, quizais ficticio, e cunha alta dose de intelixencia. A máis nova era a encarnación da simpatía, mesturada coa intelixencia (tamén), e ese aire de desenvoltura que a xuventude leva consigo.
Pasou o tempo e neste último ano vinas moitas veces, pero observeinas moitas máis desde lonxe, a través de fotografías e anécdotas que me foron contando amizades que temos en común. Aparentemente non cambiaron nada: a máis vella segue aliñando ben o seu sorriso diante da cámara; a máis nova aparece sempre cun xesto exultante, chamando a atención pola ledicia que transmite... Ou parece transmitir, pois alá no fondo penso que a súa grande intelixencia non lles serviu para nada máis ca para amosar o mundo no que viven e que lles outorgou a abundancia, esquecendo que hai sentimentos, que hai xente ben cerca delas que, pola razón que sexa, non acadaron o teito do éxito perseguido, malia ter loitado arreo para conseguilo.
Magóame que agora miren a quen non tivo ese éxito, baleiro de humildade, coma se fosen seres inferiores a quen non merece a pena nin falarlle.
E o que me magoa aínda máis é que a corte de aduladores e aduladoras que hai ao seu carón se neguen a ver que detrás desa pantalla soamente hai un egoísmo feroz, capaz de fagocitar calquera sentimento de humanidade, de entrega desinteresada, de agarimo sen condicións…

Adorámosvos e bendicímosvos?
Pois vai ser que non.

viernes, 3 de junio de 2011

CONTROL

Control

Hai tempo que ando buscando un documento importante, deses que se gardan ben gardados para que non se perdan, pero que cando cómpren no aparecen. E durante a busca veume á cabeza o útil que é ter unha boa memoria, na que se vai gardando o importante para poder recuperalo no momento preciso. Cando gardei aquel documento, impreso en papel, no se me ocorreu escanealo e gardar copia na memoria do meu ordenador, de maneira que agora, como son moi ordenada no meu desorde, nin teño o papel, nin teño a copia. E aí é onde perdo o control e por moito que lle dou á tecla, nin aparece o que ten que aparecer, nin desaparece o que xa non é preciso máis ca para ocupar espazo.
Isto lévame á situación real na que se atopa a sociedade: non atopan os papeis quen debían telos custodiados para usalos cando se precisan melloras, de maneira que, quen nos goberna, perdeu o control ata o extremo de ter que empregar a forza para acalar as voces que reclaman un cambio de rumbo nas institucións políticas, económicas, sanitarias, xudiciais e educativas.
Alguén me mandou fotos de Barcelona, da carga policial. Vin imaxes nos noticiarios de televisión e na prensa. E quedei abraiada.
Na actualidade en todos os centros educativos ten que haber unha comisión de convivencia, a finalidade da cal é resolver conflitos de maneira pacífica cando se producen. Será que nos gobernos autonómicos e nacional non saben o que é iso? Ata ese punto perderon o control os gobernos? Ou é que tampouco atopan os documentos importantes, nos que se redactaron normas para a convivencia e resolución pacífica de conflitos?
Igual teñen que volver á escola para saber como funciona unha comisión de convivencia. E que nos collan confesadas ás persoas que exercemos a docencia.