martes, 29 de marzo de 2011

MI PIE IZQUIERDO






Fermosa e entrañable película... E un impresionate papel de Daniel Day Lewis, así coma do resto das persoas protagonistas. Nela destacan valores tan importantes coma o afán  de superación, de loita, de sacrificio, de solidariedade...
Permite coñecer e reflexionar sobre a parálise cerebral, tanto sobre as limitacións asociadas a esta discapacidade, coma sobre os avances que se poden chegar a conseguir cunha adecuada rehabilitación e con apoio emocional. Reflíctese a importancia do papel da familia, fundamental no desenvolvemento de calquera crianza e, especialmente, nestes casos.

Cadaquén de nós pode ver nela cousas diferentes, pero o gran acerto desta historia é facernos entender que a verdadeira discapacidade radica na discriminación.

domingo, 27 de marzo de 2011

TECNOLOXÍAS


Inmóbil

Acabei maxisterio no mesmo ano que cumpría os 22 e comecei a traballar, logo de aprobar as oposicións no ano 1983, sen chegar a cumprir os 24. Daquela tiña outras metas e ningunha delas pasaba por seguir estudando. Andando o tempo dinme conta de que me faltaba algo: información e formación, moita formación. Entón decidín volver á Universidade, coma unha alumna máis, agora que o que me sobra é tempo. Ou a min é o que me parece.
E velaí que me atopo cada semana rodeada de persoas estudantes coma min, pero da idade das miñas crianzas. Elas teñen a forza para dedicarlle todo o esforzo necesario a cada asignatura. E empregan moi ben as novas tecnoloxías. Eu soamente teño tempo, experiencia docente pero uso as tecnoloxías daquela maneira. O que estudo ten moito que ver coa docencia. E doume conta de que ás veces, a experiencia é a mellor mestra, pois dá unha visión global do feito de ensinar e de aprender. Pero tamén o son a información e a formación continuada e as tecnoloxías. E as voces da xente nova que aínda se comporta coma o que é, estudantes que acollen con certa desidia os discursos do profesorado… E véxome eu coma docente, tentando poñer orden no caos dunha clase á que non lle interesa demasiado o que transmito, quizais porque non son capaz de transmitir, ou porque me falta a empatía necesaria para convencer, ou porque é tanto o que quero transmitir, que me perdo no discurso. Ou porque non uso as tecnoloxías, ás veces.
Pero tamén me vexo coma alumna, ás veces aburrida, pois ou non entendo o que me contan, ou porque quen o conta non ten graza para facelo e o seu discurso, sempre cheo de ensinanzas, deixa de ter interese.

Nisto da docencia é fundamental conectar coa xente nova, chea de intereses diferentes aos das persoas adultas, poñerse á súa altura, sen perder a autoridade moral e de feito que a idade nos dá a quen ensinamos. E iso é moi difícil, pois require un dominio permanente da propia maneira de ser e do temperamento e un coñecemento exhaustivo da realidade cotiá de cada alumno e alumna. Tamén é necesario ter en conta os tempos que nos marca o alumnado, tempos considerados un a un, pois ninguén ten a mesma maneira de percibir e interiorizar as ensinanzas. E, por suposto, evolucionar no tempo, adaptarse aos cambios vertixinosos da sociedade, ás súas sempre cambiantes formas de amosar a realidade. E refírome con isto ao uso de tecnoloxías, pois sei que, sendo unha arma moi eficaz e eficiente para transmitir información, nunca poden deixar de ser un instrumento máis.

É por iso polo que penso que todos estes proxectos de introdución “a saco” nas novas tecnoloxías me parecen en certo modo perigosas e moitas veces, carentes de contido, xa que podemos chegar a pensar que poden substituír ás persoas e moitas veces, mesmo as podemos empregar para darnos un respiro no labor diario. Pero son armas necesarias e moi útiles para manter a atención do alumnado.

Non me nego á introdución das tecnoloxías no ensino, ao contrario, pero penso que nada pode encher o oco das persoas, pois o ensino ten que ser sinónimo de humanidade, de sensibilidade, de achegamento a esas outras persoas sedentas de comunicación directa, de contacto real cun entorno diferente ao da familia, pero complementario e prolongación del. E as tecnoloxías carecen dese punto de contacto humano, de presenza e de roce, de diálogo real, en tempo real e cara a cara.

Claro que, nos tempos que corren e tendo en conta que as crianzas nacen case pegadas a un monitor, a un rato e a un teclado, a única maneira de manter o seu interese ás veces é empregando un monitor, un rato e un teclado. Quizais é por iso polo que decidín volver á Universidade. Para aprender a manter o interese do meu alumnado, a pesar dos cambios tan grandes que se produciron no ensino, logo de 27 anos. E abofé que estou aprendendo. Soamente me falta aplicalo no día a día da miña aula, pero estou niso. Pouco a pouco. Cos anos volvinme máis lenta, pero máis segura, pegada tamén a un monitor, un rato e un teclado.


lunes, 21 de marzo de 2011

SILENCIOS


Burbuja
Xulio López

De silencios me cubro
y ante ellos me descubro,
mutismos cadenciosos,
envueltos en sonidos,
que se enredan en mi pelo,
y que, a la deriva, vagan
entre luces que se encienden y se apagan,
entre hebras de almíbar pegajoso,
entre besos rotos y recuerdos…

Y en la mudez desvanezco y huyo,
presa mi alma en mil enredos,
en sutiles laberintos de palabras
que lleva el viento.

Si las brumas que respiro
sigilo fuesen
y no zarandeasen sin descanso
mi débil aliento,
tal vez los estruendos mudos que escucho
serían, solamente,
callados y reservados silencios.

 

miércoles, 16 de marzo de 2011

BOSQUE DE BAMBÚ


Bosque de Bambú
Arashiyama - Kyoto
Xapón


Rescatei da arca da lembranza esta foto, aínda que o lugar cae algo lonxe do centro do desastre. Alguén a trouxo hai catro anos do Xapón, pechada na tarxeta dunha pequena cámara Cassio de cor vermella e que aínda conserva o autocolante coa inscrición en xaponés. Son cousas que gardo coma un prezado tesouro, pois daquela, quen fixo a foto era apenas un adolescente que fora de viaxe de estudos a ese país no que todo é orden, disciplina, calma e luz. Un adolescente que veu marabillado polo moito que a cultura xaponesa tiña para aportar ao resto do mundo.

Non podo describir o que penso e sinto sobre o que está a ocorrer nese fermoso, pero comprimido país. E imaxino a cicatriz que quedará na memoria de quen poida contalo o día despois desta desfeita. Hoxe lin nun xornal unha frase dunha xaponesa; dicía algo así como que "Saímos doutras peores". E visto o visto, xa soamente queda non perder a esperanza, pero traballando para que a Terra, xa ben revolta e viva de seu, se rexerenere a si mesma, sen meter nós, coa nosa cobiza, as mans na súa lenta pero segura transformación. Dependemos dela e sen ela somos ninguén.

Como podemos seguir no pensamento necio de que a Terra nos pertence?

jueves, 10 de marzo de 2011

EN BRANCO E NEGRO


Movimiento armónico

Van e volven, ao harmónico son da airexa e describen finas liñas que se perden nese horizonte a dúas cores, no que todo é branco ou negro, por pura lóxica, en branco e negro. Os grises son casualidades.

Non sei se todo é así, ou se o resto das cores do Arco da Vella son tamén casualidades. Quizais casualidades que dependen dun prisma. Non entendo de física. O que si sei é que moitas veces o noso mundo desdóbrase en dúas cores, coma as dos soños: o branco e o negro, sen que as irisacións dalgúns fiticios sorrisos tingan as herbas, a terra ou o ceo. E nese mundo a dúas cores móvese a indefinición, a falta de horizonte, o errático camiño que seguimos, buscando o lugar que queremos ocupar no mundo, deixando de lado o que quen nos rodea quere que ocupemos. E moitas veces sentimos que somos inútiles, que se nos considera inútiles, que se ve o noso labor coma un fracaso, pois non produce beneficios que nos afasten da fame e da miseria. Porque sempre hai a carón de nós quen prefire vivir na opulencia das cores do Arco da Vella, sendo quen as demais persoas agardan, ca ser unha mesma, en branco e negro, sen liñas e sen horizonte. Ou, simplemente, con esas liñas en branco e negro que se moven harmonicamente ao son da airexa, porque queren ser movidas, soamente pola súa propia airexa interior.

miércoles, 9 de marzo de 2011

ÁNGELES DE HIERRO


Hai un tempo vin esta película, que vos recomendo, pois encerra o significado do 8 de marzo ao longo da historia. E porque penso que 8 de marzo debía ser cada día do ano. 



“Cando se empeza a arar, non se deixa o suco”.


A loita iniciada nun principio con entusiasmo, pouco a pouco vaise tornando violenta ao teren que se enfrontar as protagonistas co rexeitamento dun mundo de homes, gobernado por homes, no que o papel das mulleres debía relegarse ao matrimonio, ao coidado das crianzas e da casa, sendo submisas, sen opción a réplica.

Neste mundo ten especial relevancia o papel desempeñado por unha sufraxista (Anjelica Huston), que se define a si mesma coma feminista, non obstante adopta un rol totalmente masculino. A súa ambición política lévaa a rexeitar a oferta de colaboración do grupo de mulleres encabezado por Alice Paul, chegando a negarlle apoio nos momentos máis difíciles e quen só decide apoiala cando atopa que pode sacar rendibilidade política.

Outro personaxe relevante é o senador quen vendo a firme decisión da súa dona de seguir na loita, chegando a estar encarcelada, acaba por rectificar a súa actitude e decide sacar á luz os malos tratos dos que son abxecto unhas mulleres que foron presas sen unha causa, simplemente por “obstruír” a rúa e desposuídas de todos os dereitos coma persoas. Este home é capaz de ver que o que fai a súa dona, o fai polo futuro das súas fillas.

Así mesmo destacaría o papel da celadora da cadea quen se amosa ao principio inflexible, cun comportamento totalmente masculino, exercendo o seu poder e dominio sobre as mulleres encarceladas, recurrindo aos celadores para que exerzan ese poder directamente, e non obstante é capaz de darse conta de que o que están facendo con elas é totalmente vexatorio e inxusto, converténdose así en “emisaria” de tales inxustizas.

Chamoume a atención un pequeno detalle dun soldado, xa maior seguramente veterano de guerra que, cando están diante da Casa Branca se achega e felicítaas pola súa valentía e o seu tesón. Isto vennos demostrar que na sociedade patriarcal na que se desenvolveo film había homes “disidentes” de todas as idades, quen non se recreaban na violencia para submetelas. É coma se o feito de ser soldado o identificase con calquera tipo de loita.

De todas formas, para min o papel máis valente de todos é o da dona do senador. Quizais porque son nai entendo o sofrimento que tivo que supoñer deixar ás súas fillas para loitar polo seu futuro, fóra do ámbito familiar. Conquistar o voto para as mulleres é conquistar unha pequena parte do futuro doutras mulleres e sabe que as súas fillas son o futuro. Non só é importante polo valor do feito e da persoa en si, senón porque é capaz de transmitirlle ao seu marido e ás mesmas nenas o seu espírito de loita, o mesmo que a nai de Alice cando lle di, logo de morrer a súa compañeira, que non pode abandoar.

En si, o mundo das mulleres, aínda que aparentemente avanzou moito no mundo occidental, segue a ser un mundo vetado a moitas, posto que o feito de que vivamos nunha sociedade tan patriarcal aínda, dominada por valores relixiosos, segundo os cales as mulleres son meras transmisoras de vida pola graza divina, e no que as políticas sociais protectoras de sectores desfavorecidos historicamente, coma o das mulleres, fai que sigamos vivindo baixo ese teito de cristal que nos impide, por mor da maternidade e da educación que nos inculcaron, chegar a acadar postos de relevancia na sociedade, sen perder por elo os nosos dereitos como mulleres e como nais. Por outra parte, sigue habendo profesións masculinizadas e certas carreiras universitarias están “copadas” por homes e as mulleres que acceden a elas son consideradas coma intrusas.

Para min, que descoñecía este filme, foi todo un descubrimento. Interésame este tema posto que desde a óptica da docencia, vexo que as nenas siguen estando, en moitos casos, mal consideradas polos seus compañeiros, quen as ven ás veces coma meros obxectos, tal vez inducidos pola publicidade e porque se sigue transmitido esa imaxe das mulleres como seres febles e dominables, cousa que este filme desmitifica.

Resultoume moi emotivo, pois ata certo punto e salvando as distancias temporais, vin reflictidas a moitas compañeiras que adicaron no seu momento e siguen adicando parte dos seus esforzos a loitar polos dereitos das súas iguais e polos dos homes que entenden que as mulleres somos unha parte moi importante na construción da sociedade.

miércoles, 2 de marzo de 2011

GRAZAS


Aura

Un día ocorréuseme escribir cousas, o mesmo que a meu irmán máis novo se lle ocorreu empezar a facer fotos. E velaí que descubrín que moitas das imaxes que Xulio López retiña nunha foto encaixaban con cousas que eu escribía. E velaí tamén que, logo de pedirlle permiso, empecei a colocar neste espazo fotos feitas por el, acompañadas polos meus textos. O resultado é o que hai aquí e o que vedes e ledes. Tamén é certo que non todas as fotos levan a súa sinatura, ou non fago referencia a súa autoría. Esas son das que ás veces saen da miña pequena cámara, unha desas que non teñen abelorios varios e que son sinxeliñas de usar, pois eses aparellos non son o meu.

Xulio López, ou mellor, Xulio Pazo  quere agradecervos a todas e a todos os vosos comentarios respecto das súas fotos e non se me ocorreu mellor maneira de facervos chegar o seu agradecemento ca este texto que agora ledes.


Todo un pracer compartir convosco imaxes e pensamentos, tanto da súa parte coma da miña.