miércoles, 4 de noviembre de 2009

DESDE A GAIOLA



DESDE A GAIOLA

Nesta gaiola de ausencia
encadeado á conciencia
teño o corazón pechado,
agardando,
por se precisas saber
se te cheguei a querer
ou se a teima que me guía
é unha paixón pasaxeira
que troca con cada feira,
que muda ó morrer o día.

Acharte foi casualidade,
coñecerte, unha ilusión,
desexarte, unha tortura,
posuírte, unha obsesión
que me esperta cada día,
que me persegue e me anula,
coa que durmo sen saber
se mañá, co amencer,
verei a luz que me aluma.

E o tempo que vai pasando
encadeado á lembranza
de tanta paixón contida,
revólvese contra min
para amosarme que, ao fin,
só me cómpre nesta vida
un alento de tenrura,
un segundo de loucura
para bicarte a escondidas.

Pero ao mirar cara dentro
desta gaiola vidrada,
vexo con grande amargura,
unha sombra que me envolve,
unha imaxe que se volve
e, sorrindo con dozura,
dime, colléndome a man:
“Abre o paraugas, María,
a ver se ao pasar o día,
se vai con el a negrura”.

E o tempo vai pasando
encadeado á lembranza
dunha paixón sen razón.
É posible que esta vida
non me dea o que lle pida
e, ao cabo, con tanto NON
acabe por se apagar
a chama que está a alumar
este pobre corazón.

2004

No hay comentarios:

Publicar un comentario